Monday 29 de April de 2024

Un novo obradoiro de emprego permitirá a contratación de 20 oleirenses en desemprego


A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de comunicarlle ao Concello de Oleiros a Concesión do Obradoiro Dual de Emprego denominado “Realización de Mobiliario Urbano e Restauración Zonas Verdes Municipais 2”. Ademais da contratación de 5 persoas para docencia e administración, un total de 20 veciños e veciñas de Oleiros en situación de desemprego formarán parte desta actividade formativa que lles permitirá recibir unha remuneración mensual de 1.000 euros durante 12 meses, máis as correspondentes pagas extras.

O alumnado participante neste obradoiro formarase nas especialidades de carpintería -10- e xardinería –outros 10-. Todas aquelas persoas que finalicen satisfactoriamente o obradoiro terán un contrato nunha empresa por un prazo mínimo de 3 meses.

A subvención concedida por parte da Xunta para a realización desta actividade formativa é de 503.987 €. A achega municipal é de 14.986,22 €.

Para participar é preciso estar inscrito no servizo público de emprego como demandante de traballo, como demandante de formación nos obradoiros de emprego ou demandando formación nunha das especialidades que se ofertan (madeira e/ou xardinería). As persoas interesadas deben contactar co Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, na Urbanización dos Regos, ou chamar por teléfono ao 981610319.